A Xunta de Goberno de Vigo vén de aprobar a declaración da ruptura do equilibrio económico da concesión de transporte público como consecuencia da COVID. Os servizos técnicos municipais determinaron que Vitrasa, concesionaria deste servizo desde 1994, debería recibir unha compensación pendente de 11.925.139,97 euros. Trátase dunha decisión que dá resposta a un mandato xudicial xa que a mercantil recorreu á Xustiza para reclamar unha compensación económica e unha sentenza do Contencioso Administrativo do 1 de febreiro de 2023 determinou que debía ser no marco do expediente administrativo municipal onde se determinara a entidade do desequilibrio e a forma de restituílo. A empresa reclamaba 30 millóns de euros e o Concello encargou un informe externo para analizar a situación económica da concesión. Os servizos económicos municipais coincidiron coas conclusións do estudo externo e situaron a compensación en 12.107.630,57 euros. De xeito paralelo á tramitación deste expediente, Vitrasa fixo unha reclamación sobre a revisión de tarifas correspondente aos anos 2021 e 2022 que tamén rematou nos tribunais. Dúas resolucións xudiciais, de 1 de setembro de 2023 e do 9 de febreiro de 2024, obrigaron ao Concello a indemnizar á empresa en 194.493,72 euros, cantidade xa transferida. Este importe detraeuse do cálculo de compensación fixado de 12.107.630,57 euros, polo que a cifra pendente de pago sitúase nestes momentos nos devanditos 11.925.139,97 euros. Cómpre recordar, así mesmo, que o número de usuarios do transporte de viaxeiros de setembro, último mes estudado, está nun 89,97% respecto aos niveis pre pandemia.
