O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reivindicou como prioridade no Congreso poñer fin á “navallada” da AP9 na cidade. Defendeu así a conversión en vía urbana do trazado, dende o acceso nas Torres de Padín, para que deixe de ser unha “trincheira” que divide o barrio de Teis, a instalación de pantallas acústicas no tramo de maior contaminación acústica de toda a autoestrada e a necesidade de mellora dos pasos elevados da Trapa e da Xorxa para o tránsito seguro de persoas e vehículos.
Igrexas subliñou como aval a “traxectoria coherente” da fronte nacionalista, denunciando a “total falla de compromiso” das forzas estatais para resolver “tanto o calote enorme que representa a AP9 como os graves prexuízos” que ocasiona á veciñanza. “As forzas estatais, uns e outros, son responsábeis de que no 2023 sigamos tendo que reclamar unha autoestrada galega e libre de peaxes. Os sucesivos gobernos españois actuaron sempre en favor de Audasa, favorecendo que uns poucos sigan facendo un grande negocio cunha infraestrutura esencial que leva décadas amortizada”, reprochou.
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG en Redondela, Xoán Carlos González, defendeu que, de ser polo BNG, hoxe en Chapela xa non habería cabinas de peaxes, que cualificou de “catastróficas” para a economía de Redondela. Reiterou a urxencia ademais de iniciar as obras de reposición de viais tanto en Chapela como en Trasmañó afectados pola ampliación da AP9, cos servizos urbanos e o saneamento correspondente así como mellorando a accesibilidade. “Compromisos que se anunciaron pero que as obras nunca dan iniciado”, lamentou González, que asegurou que estas cuestións que “teñen que deixar de ser promesas e ser feitos xa”.
