Néstor Rego: “O futuro da AP-9 debe pasar por unha xestión pública, sen peaxes e ao servizo da maioría social da Galiza”
A frente nacionalista urxe o executivo a impedir o incremento das tarifas previstas para 2026 e reclama ao PSOE retirar as emendas na tramitación para a transferencia da Autoestrada á Galiza
O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado que poña fin de maneira inmediata á concesión da Autoestrada do Atlántico (AP-9) e impulse a súa transferencia á Galiza, atendendo aos intereses da cidadanía galega e do tecido produtivo do país. Así o defendeu o deputado do nacionalista no Congreso durante un acto simbólico de protesta realizado na Área de San Simón e na portaxe de Vilaboa. Néstor Rego, cualificou de “inxustificábel” que a sociedade galega continúe a pagar portaxes por unha infraestrutura “máis que amortizada” e cuxa concesión foi declarada ilegal pola Unión Europea.
“Os galegos e galegas continuamos a pagar portaxes na Autoestrada do Atlántico, 12 anos despois de que debería ter finalizado a concesión, por unha infraestrutura que xa está amortizada e que unicamente está a favorecer os intereses dunha empresa privada” denuncia Rego.
O deputado nacionalista reitera a necesidade de que o Goberno do Estado “actúe canto antes” e dea por rematada a concesión da AP-9. Néstor Rego lembra que, ademais de estar amplamente amortizada, a Unión Europea xa determinou que as prórrogas concedidas polos gobernos do PSOE e do PP non se axustan á legalidade vixente, polo que considera “escandaloso” que a cidadanía galega continúe asumindo este custo.
Neste sentido, Rego insiste que o executivo estatal debe priorizar os intereses dos galegos e galegas, así como das empresas asentadas no Eixo Atlántico, fronte aos dunha concesionaria privada participada por fondos voitre. “Non ten ningún sentido seguir perpetuando un modelo que prexudica a mobilidade, a competitividade económica e a cohesión territorial da Galiza” afirma.
Transferencia da AP-9 á Galiza
O BNG subliña tamén a importancia de avanzar cara a transferencia da AP-9 á Galiza. Actualmente, a iniciativa lexislativa aprobada por unanimidade no Parlamento galego
áchase en tramitación no Congreso, mais o PSOE rexistrou emendas que modifican substancialmente o texto acordado pola Cámara galega.
Ante esta situación, o Bloque reclama ao PSOE retirar as emendas presentadas e respectar a unanimidade expresada pola cámara galega. “Só así se poderá facer efectiva a transferencia da Autoestrada do Atlántico e garantir unha xestión ao servizo do país” sinala Rego.
Rexeitamento da suba das peaxes
O BNG rexeita tamén o anunciado incremento das peaxes da AP-9 previsto para o ano 2026 e exixe ao Goberno do Estado que adopte medidas inmediatas para evitalo. No concreto, o BNG reclama impedir o incremento das tarifas das portaxes da AP-9 en 2026 para as persoas usuarias, negociando coa concesionaria e/ou asumindo os aumentos previstos con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.
“O futuro da AP-9 debe pasar por unha xestión pública, sen peaxes e ao servizo da maioría social da Galiza”, concluíu Néstor Rego.
