O BNG volveu demandar hoxe que o Goberno municipal de Vigo atenda as peticións do Comité de Empresa de Vitrasa no que ten a ver coas medidas preventivas para evitar contaxios por coronavirus nos buses urbanos.
O concelleiro, Xabier P. Igrexas, instou o executivo local a supervisar a instalación de mamparas de protección nos buses para asegurar a súa homologación. “Non temos certeza nin seguridade de que reúnen as especificacións técnicas para ser eficaces na prevención de contaxios, protexendo o persoal condutor e as viaxeiras e viaxeiros, e que non afecten negativamente á condución”, explicou.
Desde a fronte nacionalista defenden a necesidade dun maior reforzo do servizo de buses, con máis vehículos para aumentar as frecuencias nas principais liñas co obxectivo de alixeirar o número persoas viaxeiras e permitir que se garde a distancia social de seguridade.
Como medida adicional, Igrexas propón que o Concello estude a instalación de máquinas canceladoras para a tarxeta Pass e moedeiro tamén no acceso traseiro dos vehículos, que agora é o único habilitado, como xa sucede noutras cidades europeas. Con esta medida sosteñen que podería desconxestionarse o acceso de viaxeiros e a súa mellor distribución nos buses, evitando aglomeracións.
