- Rexeita que o Goberno de Abel Caballero pretenda impoñer co seu “rodete absolutista” un Plan Xeral “elaborado na escuridade dos despachos e ao servizo dos poderosos intereses dos de sempre”
- A fronte nacionalista votou hoxe na Xerencia Municipal de Urbanismo en contra do novo Plan Xeral e criticou a “abstención cómplice” do Partido Popular
Xabier P. Igrexas: “A opacidade e falla de participación fan deste novo PXOM unha estafa antidemocrática”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou hoxe, no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, a tramitación “absolutamente opaca e xorda” do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo, que o Goberno de Abel Caballero pretende aprobar de forma exprés no Pleno municipal sen convocar o Consello Social da Cidade, o principal órgano de participación cidadá.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou este feito como “escandaloso” e anunciou que a formación nacionalista solicitará formalmente unha sesión extraordinaria do Consello Social antes de que o PXOM chegue ao Pleno.
O BNG advirte que a xestión do Plan Xeral é unha “declaración de intencións” dun Goberno que actúa con “rodete absolutista” para impoñer un modelo de cidade para os próximos 15 anos sen diálogo co tecido asociativo nin coas principais entidades da cidade. “Estamos diante da tramitación menos participativa e máis opaca dun PXOM na historia de Vigo”, denunciou Igrexas, que criticou que o documento se aprobase inicialmente nun Pleno apresurado en agosto, tivese a súa aprobación provisional en Nadal e agora se pretenda ratificar como un trámite menor.
Estafa antidemocrática e inseguridade xurídica
O portavoz municipal nacionalista advertiu que “estamos diante dunha estafa antidemocrática pero tamén de feitos que poden poñer en xaque a viabilidade a nivel legal do novo PXOM”.
Igrexas denunciou que o Goberno ignorou as máis de 4.500 alegacións veciñais e introduciu cambios substanciais no planeamento inicial sen permitir que a cidadanía se pronunciase. Entre eles, citou a legalización dos chalets VIP en Cabo Estai, que pasaron de estar nun ámbito con dobre protección ambiental a ser solo urbano consolidado, e a destrución de 24.000 metros cadrados de zona verde na carballeira da Barroca, en Navia, para construír o Vigo Arena.
Aliás, o BNG alerta da “evidente inseguridade xurídica” do novo PXOM, que presenta “eivas e inconsistencias graves”, como a falta de integridade documental do expediente, sinalada pola propia formación e por informes sectoriais.
Un modelo de cidade sustentábel e participativo
Fronte a “este Vigo gris de cemento e asfalto”, o BNG defende un PXOM que priorice a sustentabilidade, a mobilidade baseada no transporte público e o dereito á vivenda, mobilizando as máis de 22.000 vivendas baleiras nun parque público de vivenda protexida. “Queremos un Vigo que vertebre os barrios e parroquias, que non os castigue como periferia, e que preserve os seus pulmóns verdes fronte a proxectos irracionais como a nova autovía ou a PO-010”, afirmou Igrexas.
Con eses argumentos o BNG votou hoxe, na Xerencia de Urbanismo, en contra da do ditame para a aprobación definitiva do novo Plan Xeral. O portavoz municipal nacionalista lamentou a “abstención cómplice” do PP, que criticou o PXOM pero facilitou a súa tramitación desde a Xunta e leva meses urxindo a súa aprobación. “O BNG seguirá defendendo, mesmo en solitario fronte ao ‘PPSOE’, un urbanismo ao servizo da veciñanza e do interese xeral”, concluíu, rexeitando un plan que, ao seu xuízo, beneficia “os poderosos intereses dos de sempre”.
