A fronte nacionalista tacha de “temeridade” a aprobación do proxecto por vía de urxencia por parte do goberno do PSOE, desatendendo as advertencias da arqueóloga municipal e deixando en mans da promotora privada a resposta das alegacións veciñais
Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar que Caballero exerza de relacións públicas dunha urbanización de luxo no corazón da cidade na que apenas 36 das 400 vivendas serán protexidas”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo rexeita o proxecto de urbanización do Barrio do Cura diante das inconsistencias e irregularidades na tramitación desta operación urbanística. A fronte nacionalista considera unha “temeridade” que o goberno do PSOE aprobara por vía de urxencia este proxecto ignorando as advertencias da arqueóloga municipal e deixando en mans da promotora privada a resposta das alegacións veciñais.
“Démoslle a oportunidade de rectificar para reparar estas graves deficiencias mais Abel Caballero decidiu persistir no erro e seguir actuando como relacións públicas da promotora privada desta urbanización de luxo no corazón da cidade”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que solicitara previamente, sen éxito, a retirada do asunto na Xerencia de Urbanismo celebrada esta semana.
Igrexas acusou nese sentido ao Goberno municipal de “desatender deliberadamente” a valoración da arqueóloga do Concello de Vigo sobre as afeccións patrimoniais do proxecto. Lamentou que, desta forma, non se vai poder coñecer a incidencia desta operación urbanística privada, con numerosos elementos arqueolóxicos no ámbito onde se proxecta.
Ademais, cualificou de “escandaloso e irregular” que as alegacións veciñais foran respondidas pola propia promotora privada e non polos servizos municipais. Unhas alegacións sobre as que o concelleiro nacionalista afeou tamén as negativas do goberno de Caballero a ampliar o prazo de exposición pública, que foi de apenas un mes, o mínimo legal esixido. “O que explica que un proxecto deste alcance só recibise catro alegacións por parte da veciñanza”, subliñou.
Só 36 vivendas protexidasO edil nacionalista lembrou as reservas do BNG sobre este proxecto, que se quixo legalizar pola vía de urxencia a través dunha modificación a medida no PXOM. “Esta operación urbanística privada estivo envolta en manipulacións descaradas, como cando se fala dun 30% de vivenda protexida”, criticou Igrexas, que explicou que esa porcentaxe só afecta a unha parte do proxecto. “O que se traduce en que das 400 vivendas proxectadas apenas 36 van ter algún nivel de protección”, censurou.
