- Revela un informe oficial que recolle medidas como prohibir a existencia de contas en redes sociais que aludan ao servizo así como a ameaza de expedientes disciplinarios
- O documento ordena ao servizo de Administración Electrónica do Concello que actúe como “un Gran Irmán” para analizar cada mes as publicacións relacionadas en internet
Xabier P. Igrexas: “Estas ordes ilegais son propias de réximes totalitarios e aberrantes en termos democráticos para silenciar as denuncias polas deficiencias no servizo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia o intento do Goberno municipal de Abel Caballero de “amordazar e censurar” as críticas contra as deficiencias e insuficiencias nos bombeiros de Vigo. A fronte nacionalista vén de revelar a existencia dun informe que recolle medidas como prohibir a existencia de contas en redes sociais que aludan ao servizo baixo a ameaza de expedientes disciplinarios.
A través dunha denuncia sindical, o Bloque constatou a existencia deste documento emitido o pasado mes de maio por parte da Xefatura de bombeiros, e que conta coa conformidade da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño. Un informe que, baixo o pretexto da protección da imaxe institucional do servizo, atenta contra o exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión e a liberdade sindical.
“Estas medidas son propias de réximes totalitarios, aberrantes en termos democráticos e abertamente ilegais, que o único que buscan é tentar silenciar a aqueles colectivos ou organizacións sindicais que amosen críticas ou trasladen publicamente denuncias por fóra das canles controladas polo Goberno local”, advertiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Censura e ameaza de sancións
Entre as medidas, se inclúe a prohibición xeral de que poidan existir contas en redes sociais, sitios web ou calquera outro espazo dixital que utilice, total ou parcialmente, denominacións vinculadas ao Servizo de Prevención, Extención de Incendios e Salvamento do Concello de Vigo, tales como ‘Bomberos Vigo’, ‘SPEIS Vigo’, ‘SEIS Vigo’, ‘Bombeiros Vigo’ ou calquera outra variante sen autorización expresa da Xefatura.
O portavoz nacionalista alertou tamén de que o servizo de Administración Electrónica do Concello recibiu a encomenda de analizar cada mes, “como unha caste de Gran Irmán”, a presenza do servizo ou das súas denominacións asociadas en redes sociais e de identificar as contas ou perfís que empreguen “indebidamente” a identidade do servizo e analizar as posibles actuacións na súa contra.
Igrexas asegurou que o informe recolle ademais “nun ton autoritario” a ameaza de poder incoar expedientes disciplinarios contra as persoas responsábeis desas contas. “O Goberno de Abel Caballero adianta pola dereita as prácticas de represión antisindical dos sectores máis reaccionarios do empresariado privado”, valorou o voceiro do Bloque. “Imaxina alguén que Mercadona, por poñer un exemplo, ou Citroen, impedise que unha sección sindical se poida identificar sinalando de que empresa fai parte?”, cuestionou.
Anular estas instrucións ilegais
Dende o BNG esixiron que o Goberno municipal anule con carácter inmediato este informe, e dúas circulares emitidas no mesmo sentido pola Xefatura de bombeiros, por considerar que “vulnera as liberdades máis básicas”. Trasladou a ese respecto o total apoio do grupo nacionalista ao colectivo de bombeiros e a súa representación sindical diante destes feitos que cualifican de “gravísimos”.
“É intolerábel que a única preocupación do Executivo de Caballero sexa perseguir e intentar amedrentar a quen denuncia publicamente as moitas e graves deficiencias do servizo de bombeiros da nosa cidade, en lugar de actuar por resolvelas”, criticou Igrexas, volvendo demandar que se garanta o mínimo de 20 bombeiros en activo cada xornada que “de forma sistemática” incumpre o Goberno local.
“Non hai mordaza autoritaria que poida impedir o dereito dos bombeiros a manifestar as súas opinións e reivindicacións e o dereito das viguesas e vigueses a coñecer a realidade do servizo para alén das falsidades e propaganda oficiais”, remachou o portavoz do BNG.
