Vigo, Galicia
Política Vigo

El BNG de Vigo acusa a Caballero de dar un “autogolpe urbanístico” imponiendo ilegalmente la suspensión de plazos del IOP para demorar el nuevo PGOM

Na fronte nacionalista inscriben esta nova “manobra escura” dentro da xestión “absolutamente opaca e irregular” coa que o Goberno municipal está a tramitar o novo Plan Xeral

Xabier P. Igrexas: “A concelleira de Urbanismo non ten competencia para poder ditar a través dunha resolución a suspensión dun prazo que afecta a dous acordos adoptados polo Pleno [a aprobación definitiva do IOP e a inicial do PXOM]”

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a ilegalidade da resolución emitida onte pola concelleira delegada de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride, suspendendo o cómputo do prazo de vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional para demorar a tramitación do novo PXOM.“Estamos diante dun ‘autogolpe’ burocrático á legalidade urbanística na cidade” alertou o concelleiro e candidato á alcaldía do BNG, Xabier P. Igrexas.

Igrexas acusa o Goberno municipal de Abel Caballero de actuar deliberadamente en contra da legalidade ao tentar prorrogar a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional, aprobado o 24 de xullo de 2019, vulnerando de maneira “flagrante e indisimulada” a propia Lei 2/2017 que permitiu a súa aprobación e que estabelece que a súa vixencia está condicionada aos prazos de aprobación inicial, provisional e definitiva do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista, sinala que o propio Secretario Xeral do Concello, nun informe emitido o 23 de xaneiro de 2023, advertiu de que o IOP decaería de non se materializar antes do vindeiro 18 de maio a aprobación provisional da revisión do PXOM, aprobada inicialmente o 26 de agosto de 2021.

Aliás, o Secretario sinalaba expresamente nese mesmo informe que un posíbel acordo para a modificación de prazos, de acordo ao previsto nos artigos 22 e 23 da LPACAP, debería adoptarse en todo caso polo Pleno e a proposta do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo. “A concelleira de Urbanismo non ten competencia para poder ditar a través dunha resolución a suspensión dun prazo que afecta a dous acordos adoptados polo Pleno [a aprobación definitiva do IOP e a inicial do PXOM]”, explica Igrexas.

“Resulta escandaloso que unha decisión desta magnitude se adopte sen a participación do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, do que fago parte, e onde nin tan sequera se deu conta desta resolución na sesión que celebramos onte nin se inclúe tampouco na orde do día da Xerencia da semana próxima”, acrecentou o edil nacionalista.

Desde o BNG inscriben esta nova “manobra escura” dentro da xestión “absolutamente opaca e irregular” coa que o Goberno municipal está a tramitar o novo PXOM. “O pasado 7 de febreiro o BNG xa advertimos publicamente de que Abel Caballero estaba tentando por todos os medios meter o novo Plan Xeral debaixo dunha alfombra para evitar aprobalo antes das eleccións municipais e desta maneira impedir que a veciñanza poida votar sabendo que non se vai atender ningunha das súas alegacións”, lembrou Igrexas.

Deja una respuesta

Hide picture