O alcalde anunciou que o modelo de rehablitación do paseo de Bouzas aplicado na zona próxima á fachada de vivendas será trasladado a zona da área náutica. «Seguiremos facendo melloras na plataforma marítimo-terrestre», indicou ao adiantar que «imos cambiar obras» realizadas por anteriores gobernos municipais nesta zona por entender que se trata dun «modelo superado». Para Abel Caballero é remarcable a recuperación do areal e o cambio que dá lugar a «gozar dunha praia urbana nova».
Abel Caballero explicou que un paseo antes «complicado e difícil» de transitar foi transformado nunha zona amable, onde se combina o deporte, o lecer, así como o goce da natureza. Coa remodelación foron eliminadas todas as barreiras arquitectónicas e ampliáronse nun 63 por cento as zonas axardinadas. Ademais, instalouse mobiliario urbano de última xeración, con códigos QR que ao activalos permiten o acceso a distintas informacións sobre Bouzas. Entre as melloras figura a bancada de 250 metros que dá acceso á praia, instaláronse bancos con cargadores para móbiles, así como con tumbonas, fontes, aparcabicis e dispensadores de bolsas para mascotas, entre outros servizos.
Caballero sinalou que se retirarán as pedras da parte posterior da praia para seguir mellorando a contorna natural.
Na visita realizada este martes participou tamén o xefe da demarcación de Costas da provincia de Pontevedra, Miguel García García.
