Vigo, Galicia
General Vigo

El área sanitario de Vigo presenta su estrategia frente a la gripe

O Plan de Contixencia da Gripe e outros virus respiratorios 2022/23 establece a coordinación dos servizos e recursos de atención primaria e hospitalaria para optimizar a atención a estas patoloxías e ás súas consecuencias

A loita contra a Covid aportou novos medios diagnósticos, preventivos e organizativos incorporados agora á atención dunha epidemia de patoloxía respiratoria

As Urxencias de adultos xa reforzáronse cun novo equipo de profesionais e as de pediatría con 4 enfermeiras máis

Entre as medidas intrahospitalarias que establece o Plan cabe subliñar a priorización das probas aos pacientes con criterios de ingreso e hospitalizados; a duplicación das camas das habitacións individuais; a axilización dos procesos de ingreso desde a urxencia; os traslados intercentros ou a modificación da programación cirúrxica

Os responsables sanitarios reiteraron a mensaxe de que a mellor arma contra a gripe é a prevención, e a ferramenta máis eficaz na loita contra a enfermidade, é a vacinación

A Área Sanitaria de Vigo presentou hoxe o Plan de Continxencia para a Gripe e outros virus respiratorios 2022/23, que establece a activación e coordinación dos servizos e recursos de atención primaria e hospitalaria para optimizar a atención á gripe e ás súas consecuencias. “Nestes momentos estamos preparados e vixiantes para afrontar as consecuencias derivadas dun incremento de patoloxía respiratoria estacional, e dispoñemos da capacidade física e asistencial para absorber a demanda dun pico epidemiolóxico invernal”, asegurou o xerente da Área, Javier Puente.

Nesta presentación, o xerente estivo acompañado pola directora Asistencial, Susana Cerqueiro; a directora de Enfermaría, Pilar Reza; a directora de Atención Primaria, Reyes Diaz; así como dalgúns xefes de servizos con implicación directa na atención a esta enfermidade, como Medicina Preventiva, Victor del Campo; Medicina Interna, Martín Rubianes; Microbioloxía, Francisco Vasallo; Medicina Intensiva, Dolores Vila; Pediatría, Ana Concheiro; Urxencias, Angel Pichel; a pneumóloga Mar Mosteiro; e os xefes dos centros de saúde de Lavadores, Carmen Durán, e de Sárdoma, Fernando Lago; e a responsable do PAC de Vigo, Elisa Ausín, entre outros.

Novos medios diagnósticos, preventivos e organizativos

O Plan de Continxencia para a gripe e outros virus respiratorios recolle todas aquelas actuacións planificadas que se van desenvolver para minimizar o impacto desta patoloxía estacional, tanto nos usuarios como nos profesionais, así como para garantir a adecuada organización de medios e atención asistencial nesta campaña.

“A gran novidade deste ano é que contamos coa experiencia e as ferramentas que nos deixou a loita contra a pandemia da Covid, como os novos medios diagnósticos, preventivos e organizativos. Podemos subliñar, por exemplo, ás novas técnicas PCR rápidas que se realizan aos pacientes con criterios de ingreso ou xa ingresados a fin de evitar a diseminación nosocomial das infeccións; o uso

da mascarilla obrigatoria nos centros sanitarios; os novos procedementos de priorización da atención en Atención Primaria ou o establecemento de circuítos asistencias diferenciados”, explicou o xerente.

Entre os obxectivos do Plan cabe subliñar os seguintes: priorizar a atención destes pacientes en Atención Primaria evitando os desprazamentos dos mesmos ao servizo de Urxencias hospitalario; potenciar a atención non presencial en Atención Primaria, como a consulta telefónica e TELEA nos pacientes crónicos; evitar as consecuencias máis graves debidas á infección e evitar que se produzan abrochos; previr picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais; prestar a mellor asistencia aos pacientes con gripe coa mínima incidencia sobre o funcionamento nos hospitais e centros de saúde; e contemplar os procedementos alternativos á orde normal da organización co fin de garantir o correcto funcionamento dos servizos asistenciais.

Atención primaria, primeiro elo da cadea

Para isto, o Documento establece a cadea de niveis da atención á gripe, que sería o seguinte: en primeiro lugar, os centros de saúde, que serán o eixo en torno ao que xiran todos os demais. O seguinte elo o constitúen as Urxencias Extrahospitalarias de Atención Primaria (PAC), e por último as Urxencias hospitalarias do Álvaro Cunqueiro.

Neste senso, cómpre concienciar á cidadanía da importancia de que os pacientes sexan atendidos no nivel máis axeitado a súa situación clínica, e que utilicen, en primeiro lugar, os recursos de atención primaria, de xeito que as urxencias hospitalarias atendan os casos de maior gravidade. Hai que recordar que a derivación ao servizo de Urxencias hospitalarias debe realizarse desde a atención primaria ou desde o 061.

Reforzo de profesionais nas Urxencias

No referido á atención hospitalaria, no caso dunha situación epidémica que requirira a atención hospitalaria dunha porcentaxe de pacientes moi superior da media habitual, identifícanse dous puntos críticos nesta asistencia: a presión asistencial do servizo de Urxencias; e o nivel de rotación e dispoñibilidade das camas hospitalarias.

En relación coas Urxencias, a Xerencia da Área xa ven adoptando medidas. Así, desde o pasado mes de abril este servizo reforzouse cun equipo asistencial máis, composto por un facultativo, profesional de enfermaría, TCAE e celador. No momento actual, este equipo reforza durante 3 días á semana, pero no caso dun incremento de demanda xustificada se ampliaría ao tempo que fose necesario. En canto ás Urxencias pediátricas, desde a pasada semana a dirección tamén reforzou o seu cadro de persoal con 4 enfermeiras máis, e habilitou a Triaxe de enfermaría ás 24 horas.

Hai que recordar que as Urxencias de adultos dispoñen dunha estrutura de gran capacidade para asumir un elevado volume de pacientes xa que contan, entre os recursos físicos máis relacionados coa patoloxía gripal, con 2 postos de triaxe (ampliables a 3); 4 postos de paciente críticos; 14 postos de primeira valoración en zona de boxes; 56 postos de espera de resultado ou tratamento; 4 consultas médicas para patoloxía de baixa prioridade; 30 camas de observación; 2 de illados; e outras áreas como como salas de espera ou zoa de preingreso .

Niveis de alerta segundo ocupación

O Plan de Continxencia establece dous niveis de alerta. Alerta Amarela , cando a ocupación na área médico cirúrxica é superior ao 95%; e Alerta Laranxa, cando a ocupación é do 100%.

Así, en función da situación da ocupación, o Plan de Continxencia contempla as seguintes medidas: priorización das altas hospitalarias e das probas e interconsultas dos pacientes hospitalizados; rexistro de prealtas polos facultativos antes das 12.00 h.; duplicación das camas das habitacións individuais que se realizará en primeiro lugar nas Unidades de Medicina Interna, Pneumoloxía, e Curta Estadía; traslados internos entre hospitais do CHUVI; axilización dos procesos de ingreso desde a Urxencia coa posta en marcha dun circuíto preferente de altas de hospitalización, limpeza, e traslado de pacientes ás plantas; e modificación da programación cirúrxica e da cirurxía sen ingreso.

Ampliación de camas e reforzo de persoal

En relación coa hospitalización, o Plan prevé que para os ingresos ocasionados pola patoloxía gripal ou asociada utilizaranse, en primeiro lugar, camas de hospitalización da área médica, e, en segundo lugar, as da área cirúrxica.

En caso de necesidade, a flexibilidade do Complexo Hospitalario permite un incremento moi significativo do número de camas, dada a posibilidade de duplicar cunha segunda cama as habitacións individuais do Álvaro Cunqueiro. Ademais, aínda que nestes momentos o Meixoeiro ten diminuída a súa capacidade polas obras que se están desenvolvendo para dotalo de climatización, e que obrigan a bloquear habitacións; en caso de necesidade se ralentizaría esta obra para dispoñer desas camas. O incremento de camas estará acompañado de reforzos de persoal en función da estacionalidade da epidemia e do nivel de alerta e de ocupación.

Prevención e vacinación

No transcurso da súa intervención, a directora Asistencial, Susana Cerqueiro, reiterou a mensaxe de que “a mellor arma contra a gripe é a prevención, e a ferramenta máis eficaz na loita contra a enfermidade, é a vacinación. A vacina non so evita casos, senón que diminúe as complicacións derivadas desta enfermidade así como o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe”. Por isto é necesario seguir aumentando os índices de participación na campaña de vacinación, sobre todo na xente mais nova.

Para finalizar, o xerente quixo agradecer o traballo dos profesionais da Área Sanitaria de Vigo que “continuamente se ven obrigados a enfrontarse a novos retos, cun nivel de compromiso exemplarízante coa cidadanía e coa sanidade publica”.

Deja una respuesta

Hide picture