― O Sergas convértese no primeiro servizo sanitario en resolver o proceso selectivo de estabilización por concurso de méritos na categoría de enfermeira
― Na Área de Vigo resultaron nomeados como persoal estatutario fixo 115 enfermeiras/os aos que se lle adxudica destino definitivo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
― Hoxe iniciaron a toma de posesión das súas prazas
Máis dun cento de profesionais de enfermaría estanse incorporando hoxe ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo como persoal estatutario fixo, con praza en propiedade. Así, as profesionais nomeadas tomaron posesión hoxe das súas prazas nos hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
O Servizo Galego de Saúde vén de converterse no primeiro servizo sanitario do Sistema Nacional de Saúde que resolve o proceso de estabilización da categoría de enfermería, por concurso de méritos.
Isto supón a incorporación de 115 enfermeiras/os aos hospitais do Chuvi, con condición de persoal estatutario fixo, reducindo así o número de persoal temporal, e dotando de maior estabilidade ao cadro de persoal da Área Sanitaria de Vigo.
Resolución no DOG O Diario Oficial de Galicia (DOG), publicou na súa edición de onte, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo ás/aos aspirantes seleccionadas/os no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, na categoría de enfermeira/o.
Neste proceso, participaron máis de 2.000 profesionais para o acceso -sen exame- a 459 prazas. Así, a baremación dos méritos de todos aspirantes, e a resolución do mesmo realizouse en menos de nove meses, tendo en conta a data ata a que se podía inscribir no proceso grazas ao expediente electrónico profesional (FIDES) que permite unha baremación automatizada trala validación dos méritos polos servizos de persoal das áreas.
