― O servizo de Pneumoloxía habilitou un Punto informativo no Hospital Álvaro Cunqueiro para dar a coñecer a Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica
― Os profesionais, ademais de informar sobre esta patoloxía, realizaron a todas as persoas interesadas, unha medición de parámetros respiratorios cun microespirómetro que tamén pode determinar a idade pulmonar
― Un dos obxectivos do Sergas é mellorar o infradiagnóstico desta patoloxía, especialmente nas mulleres
― Os servizos médicos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo rexistran un millar de ingresos anuais directamente causadas pola EPOC
O servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria de Vigo sumouse hoxe á celebración do Día Mundial da Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica, que este ano leva por lema «Si lle falta o aire, pensa na EPOC».
A Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica é unha obstrución crónica das vías respiratorias que dificulta moito a respiración aos afectados e que está causada fundamentalmente polo tabaco. Os servizos médicos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo rexistran un millar de ingresos anuais directamente causadas por unha agudización grave da EPOC .
O obxectivo desta xornada é salientar que, aínda que a EPOC é a terceira causa principal de morte en todo o mundo, a miúdo non se diagnostica correctamente. Segundo explica a responsable da consulta monográfica de EPOC de alta complexidade do Álvaro Cunqueiro, a doutora Cristina Represas, “trátase dunha enfermidade común, prevenible e tratable, e un diagnóstico e tratamento temperá propicia mellores resultados clínicos, tanto nos síntomas como na función pulmonar e na calidade de vida dos paciente. Así, débese considerar unha sospeita diagnóstica de EPOC en calquera paciente que presente dificultade para respirar, tose crónica ou produción de esputo, antecedentes de infeccións recorrentes das vías respiratorias inferiores ou antecedentes de exposición a factores de risco como o tabaco, os combustibles para cociñar ou os riscos laborais”.
Realización de espirometrías
O servizo de Pneumoloxía habilitou unha mesa informativa no hospital Álvaro Cunqueiro para informar á cidadanía sobre esta enfermidade. Nesta ocasión os profesionais realizaron, a todas aquelas persoas interesadas, unha medición de parámetros respiratorios mediante un microespirómetro, que tamén pode determinar a idade pulmonar.
Con esta actividade, o equipo de Pneumoloxía quere dar a coñecer á poboación esta patoloxía, que segue sendo unha das máis descoñecidas (soamente un 40% dos galegos sabe
que é a EPOC) e menos diagnosticadas, a pesar de que a súa prevaleza foi incrementando nos últimos anos.
De feito, en Galicia afecta ao 16% dos adultos de máis de 40 anos, aínda que tres cuartas partes das persoas enfermas non o sabe. O obxectivo é reducir os niveis de infradiagnóstico estimado principalmente entre as mulleres (86%), xa que é máis elevado que en homes (67,6%).
Xornada no Colexio de Médicos
Por outra banda, o Servicio de Pneumoloxía, en colaboración coa Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, celebrarán na tarde de hoxe unha xornada no Colexio Médico, dirixida a profesionais sanitarios, onde se abordarán os aspectos sociais e a saúde mental nesta enfermidade, baixo o título de “Outra forma de ver a EPOC”, e que contará coa participación doutros profesionais implicados na atención a estes pacientes como Atención Primaria, Traballo Social e Psicoloxía Clínica.

