A sentenza dá por feito que se vulnerou a súa liberdade sindical, anula o nomeamento e indemniza a afectada polo salario que deixou de percibir
O Xulgado do Social número 5 de Vigo vén de estimar a demanda dunha delegada da CIG no
comité de empresa da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) por vulneración do dereito de
liberdade sindical. A sentenza anula o nomeamento resultante dun proceso de mobilidade
funcional cuxos criterios cambiaron para deixar fóra á representante da central sindical,
conculcando os principios de igualdade, mérito e capacidade.
O fallo xudicial condena tamén ao organismo público a abonarlle á afectada as diferencias
salariais de todo o período que o traballador nomeado tras o proceso agora anulado estivo
desenvolvendo funcións de superior categoría.
Dende a sección sindical da CIG na Autoridade Portuaria lamentan que esta actitude
discriminatoria do organismo público contara tamén coa complicidade dos outros sindicatos
con representación (UGT e CCOO). Xa que no momento en que a delegada da CIG era a
candidata idónea para a ocupación do posto de superior categoría, cambiaron o criterio
establecido para as mobilidades funcionais, desmarcándose do modelo de Xestión por
Competencias regulado no III Convenio Colectivo, “permitindo o nomeamento a dedo e
dilapidando así a obxectividade e os principios de igualdade, mérito e capacidade”.
Mais, tal e como denuncian, a conduta discriminatoria da APV para coas delegadas e delegados
da CIG vén de lonxe. Neste senso, lembran que xa a mesma delegada denunciara e gañara anos
atrás outra demanda de tutela por vulneración do dereito de liberdade sindical. “O feito
estimado polo xuíz non é un feito illado, pois en procedementos posteriores foron varios
representantes da CIG os que foron discriminados/as a pesar de ter o perfil máis próximo ao
posto a cubrir”, sinalan.
Por todo isto, dende a CIG instan o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez
Almuíña, a actuar en consecuencia coa sentenza, e a poñer freo de inmediato a todo
comportamento discriminatorio.
“A vulneración de dereitos dentro da APV non se queda só no ámbito da promoción
profesional, e xa se denunciaron varias supostas condutas de acoso laboral a afiliados/as e
delegados/as da CIG por parte de superiores xerárquicos, situacións que teñen provocado
problemas de saúde a traballadores/as da APV que se resolveron con cambios no posto de
traballo do delgado/as e a promoción salarial do denunciado/a”, censuran.
Finalmente, o representante estatal da CIG na Comisión Paritaria de Portos do Estado anunciou
que se Vázquez Almuíña non actúa en consecuencia pedirá a intervención do presidente de
Portos do Estado. Con todo, e ante inminente convocatoria de prazas de promoción interna, a
sección sindical da CIG, xa lle solicitou a Portos do Estado a tutela dos tribunais “para que velen
polo cumprimento duns principios de igualdade, mérito e capacidade que a Autoridade
Portuaria de Vigo deixa de lado”.
